Camino del Norte PDF Imprimir
Escrito por Antón Pombo, A.G.A.C.S.   

Camino del Norte

En Galicia, o denominado Camiño Norte, en realidade variante costeira dun dos grandes itinerarios xacobeos procedentes de Francia a través de Euscadi, Cantabria y Asturias, atravesa en primeiro lugar a fermosa ría do Eo, espacio protexido como ZEPA polo convenio de Ramsar. Estamos no dominio da pradaría, que cubre os ondulados outeiros que se achegan o litoral, pero tamén nunha área de grandes repoboacións de eucalipto, especie que aquí medra de contado favorecida polas suaves temperaturas e alta humidade ó longo do ano. Unha zona de transición, que se inicia xa no Val do Masma (perduran bosquetes residuais de castiñeiros e carballos) e se prolonga polo alto da Xesta (cumios pelados con xestas, toxos e queirugas), introdúcenos na Terra Chá. Nesta grande chaira lucense os ríos, entre eles o Miño, corren lentos preguiceiros, alimentando fermosos bosques de galería. A especie arbórea antano dominante na comarca era o bidueiro, e a súa casca aínda é empregada para cura-los célebres queixos de San Simón (D.O.), que poden ser degustados en Vilalba.

Camino del Norte
O peregrino desfrutará dos bosques e pradeiras chairegos ó longo de tres xornadas. Superada a serra da Cova da Serpe, encetámo-la provincia coruñesa na Terra de Melide, onde piñeiros e eucaliptos volven alternar coas especies autóctonas. Camiño de Arzúa, terra de novo gandeira e de bos queixos elaborados con leite de vaca, a pradaría gaña terreo e os horizontes resultan máis abertos.

En riqueza monumental, o Camiño Norte atópase nos antípodas do Camiño Francés galego, pois reúne unha serie de conxuntos históricos e monumentos de grande valía. Entre eles o peregrino coñecerá os cascos vellos de Ribadeo, a cidade episcopal de Mondoñedo ou o pequeno núcleo Vilalba. Dos grandes edificios cabe salienta-lo pazo neoclásico do marqués de Sargadelos (actual Casa do Concello) e maila 'indiana' e modernista torre dos Moreno (1915), ambolosdous en Ribadeo, onde tamén se pode visitar, preto do albergue, o forte de San Damián; a lista continúa coa igrexa medieval de Arante, onde foron atopados frescos tardogóticos; o mosteiro barroco de San Salvador de Vilanova de Lourenzá (sécs. XVII-XVIII) coa fachada de Fernando de Casas y Novoa, autor da catedralicia do Obradoiro en Compostela; a Catedral de Mondoñedo (sécs. XIII-XVIII), feliz conglomerado de varios estilos; o torreón feudal dos Andrade (séc. XV), de planta en octógono, que hoxe forma parte do Parador de Vilalba; a parroquial gótica de Baamonde e maila non lonxana capela de San Alberte, ambas do século XIV; ou o enorme mosteiro de Santa María de Sobrado (sécs. XII-XVIII), ocupado por unha comunidade cisterciense. A estes grandes monumentos hai que engadi-las pequenas capelas e ermidas, cruceiros e cruces, fontes e outros elementos que balizan ou sacralizan a vía.

Desde o punto de vista da arquitectura popular, na Mariña lucense abundan os núcleos dispersos con casas enlucidas que adoitan integraren na explotación cabazos semellantes ós do occidente asturiano, con celeiro e pasaventos cadrados, sendo común a cuberta en lousa. Na Terra Chá as vivendas seguen sendo de aparello miúdo de xisto, polo común á vista e reforzado en vaos e esquineiras, e con cuberta de lousa, pero de maior tamaño. Na provincia da Coruña hai máis edificación nova, perdurando as casas rurais en pedra miúda, pero agora coa cuberta de tella curva.

Opción A.- RIBADEO - VILANOVA DE LOURENZÁ (27,3 Km)

Desde As Figueiras, con igrexa dedicada a Santiago, os peregrinos poden cruza-la ría en barca á antiga usanza (servicio durante o verán) ou pola moderna ponte dos Santos. Xa en Ribadeo, camiño do castelo de San Damián (centro cultural) e do faro da illa Pancha queda, preto do antigo peirao mineiro, o sinxelo albergue de peregrinos, con 12 prazas e unha excelente panorámica sobre a boca da ría.

Despois de coñece-los moitos recunchos de Ribadeo, vila moi animada no verán nas súas rúas comerciais, a praza de España ou o porto de Porcillán, e tras degusta-la repostería conventual das clarisas, saímos pola rúa Deputación. A ruta periurbana prosegue, a carón da capela de S. Lázaro, pertencente ó desaparecido hospital, por pistas día a día invadidas por novos chalés e apartamentos. Deste xeito chegamos, por Grañol, á igrexa de San Xoán de Obe (esqda.), acompañada de dous cabazos levantados sobre altísimas cepas. Desde aquí ascendemos, a rente do cemiterio parroquial, rodeando o monte de Santa Cruz, ó que se pode acceder (desvío á dereita), para visita-la súa ermida e desfrutar do miradoiro sobre a ría. No lugar foron colocados senllos monumentos á Virxe e á gaita galega.

Pasamos pouco despois polos núcleos dispersos de Pastoriza, Casas de Edra e Vilela, este último precedido pola capela do Carmo; aquí cruzámo-lo rego Pequeno. Pouco despois veñen o casal da Pena, Celeiros e Vilar, todos ó pé do monte de Foxas. Un bo lugar para o descanso nolo ofrece San Vicenzo de Cubelas, con templo do séc. XVIII. O val do río Grande queda pechado ó norte polo Alto do Móndigo (570 m). De aquí baixamos ata A Ponte de Arante, con capela de Nosa Señora e ponte sobre o río Lexoso, onde tamén había un hospital de peregrinos fundado no século XVI por un coengo mindoniense.

Desde A Ponte toca subi-la costa de Arante, sobre camiño antigo un tanto desdebuxado, e cruzar un extenso eucaliptal que desemboca na escola unitaria, pintada de amarelo, de Vilamartín Pequeno (concello de Barreiros). Unha nova baixada por pistas locais asfaltadas nos levan á valgada do rego de Porto Bragán, desde a que ascender unha curta pero empinada costa ata Vilamartín Grande, que conta con capela dedicada ó Carmo.

Ribadeo-Vilanova de Lourenzá
No inicio da parroquia de Gondán divisamos o amplo anfieteatro de pequenas e gastadas montañas que separan este fermoso val do Cantábrico. A media baixada, queda a man dereita o albergue de Gondán, ben instalado nunha vella escola. O descenso continúa por Seixo da Veiga, Pedrido e O Corveiro, desde donde nos desviamos á esquerda cara a igrexa de San Xusto de Cabarcos. Aquí foi ubicado un monolito con cruz de ferro en lembranza da desaparecida capela do Bo Suceso, quedando algo despois a parroquial, con dúas espadanas, e mailo cemiterio. A través do monte Calvario (231 m), na divisoria dos concellos de Barreiros e Lourenzá, seguimos en liña recta ata o pouco agraciado campo de fútbol de Vilanova, e de aquí ata a capeliña de Santa Cruz, con diminuto pero acolledor porche. Desde ela xa baixamos con présa ata Vilanova de Lourenzá, onde cruzámo-la ponte medieval que salva o rego do Batán e enfiamo-la rúa Real ata o albergue.

Opción B.- SANTIAGO DE ABRES - VILANOVA DE LOURENZÁ (24 Km)

Os que non cruzan a ría do Eo pola moderna ponte dos Santos, seguen o camiño sinalizado pola marxe asturiana, que pasa por Figueiras, Castropol, Vegadeo e, atravesando o solitario monte de Parga, descenden a Santiago de Abres para cruza-lo río pola única ponte, situada na zona de influencia das mareas, existente ata o século XIX. Perdida hoxe a primitiva, é preciso cruza-la nova, dos anos 20, para entrar en Galicia polo arrabalde de Ría de Abres (núcleo de Pedrido). A partir deste punto, decorado co escudo da comunidade e unha cruz de Santiago coa cuncha, xa atoparemos marcos de pedra con indicacións quilométricas e numerosas frechas amarelas.

Un desvío á dereita lévanos por unha pista asfaltada ata a aldea da Retorta, da parroquia de Sande. Na paisaxe dominan a pradería, os campos cultivados de millo e os omnipresentes montes de eucalipto, resultando o poboamento moi espallado. O Camiño avanza en lixeira costa arriba ata San Xiao de Sante, con templo parroquial e área de lecer. Desde aquí cambiamos de val realizando un ascenso, pois é preciso dirixirse ó de Trabada. Deste xeito empatamos por fin estrada provincial 61-01, que acaba de ser ampliada e pode resultar perigosa, polo que convén non sair da beiravía. Ollamos por derradeira vez o val do Eo para descendermos a Trabadela, aldea pechada entre montes que conta coa capela de San Xosé. Mil cincocentos metros despois faremos outro curto desvío para cruza-lo lugar de O Bizarro, agora con capela dedicada a San Román.

Saimos de Trabada, dirección Riotorto, baixando ata o rego de Trabada, que cruzamos dúas veces. Trala aldea de As Lóngaras (nova ponte), por fin atopamos un camiño de terra, que dura pouco, no acceso ó núcleo de Redondo, continuando por unha pista que bordea as encosta da serra da Cadeira comunicando os lugares de A Ribela, Santo Estevo (capela e casas restauradas) e A Ermida, así ata bater co vello camiño, agora asfaltado, que sobe ó alto da Cadeira polas aldeas da Trapa e A Órrea, con pronunciadas costas. O lonxe queda no medio val Trabada, pero o ascenso continúa aínda ata os 437 m. Á dereita do Camiño é de obrigada visita a ermida de San Marcos, que preside unha aniga encrucillada viaria e nos permite abranguerun compleno panorama sobre a Mariña e o Cantábrico.
Santiago de Abres-Vilanova de Lourenzá
Transitando xa polo concello de Lourenzá, principiamo-lo longo e pronunciado descenso, por un esvaradizo e dereito carreiro de terra, baixo un interminable manto de eucaliptos. Cando conclúe o monte e comeza o asfalto, albiscamos ó lonxe a Vilanova, antiga Vila da Ponte. Pero cómpre aínda atravesar varias aldeas (A Condomiña, Cuñas) antes de alcanza-lo casco urbano. Tomando como referencia a igrexa do mosteiro, fundado no século X polo conde Ossorio Gutiérrez, será doado face-la entrada a carón do recinto da feira e lonxa hortofrutícola, pasando logo a rente do templo para chegarmos por fin ó arelado albergue (30 prazas), que aparece pintado de amarelo e conta cunha cruz de Santiago diante.

VILANOVA DE LOURENZÁ - ABADÍN (25,6 Km)

Saímos de Vilanova de Lourenzá, de novo en costa pero entre frondosas, pola verea que se dirixe ó camposanto e continúa baixo arborado ata a aldea de Arroxo, co seu firme enlousado. Desde aquí non hai máis remedio que pisar durante 1 qm. o firme da antiga N-634, xusto ata chegar a Carballal, onde vémo-la capela de Nosa Señora de Guadalupe, no arrabalde do Grove. Baixo as cepas dun hórreo, entre hortas e froiteiras tomamos á esquerda unha fermosa corredoira que discorre pola aba do monte Padornelo, pasando a carón do novo cemiterio municipal de Mondoñedo. Desde ela divisamos o Val do Masma, dominado pola serra da Toxiza.

A corredoira, moi bonita, avanza entre valados e baixo carballos e castiñeiros que chegan a formar túneles. Faino polas aldeas de San Pedro da Torre (capela), O Reguengo e San Paio (capela), todas con boas mostras de arquitectura popular, para regresar á antiga N-634 en San Lázaro, onde estivo a malatería e aínda se conservan a súa capela e unha antiga ponte. Ata o casco antigo de Mondoñedo convén avanzar dereito pola av. de Buenos Aires, enrando a carón da igrexa de Santiago; existe tamén a posibilidade de dar un rodeo, tamén sinalizado, pola ponte do Pasatempo e o barrio dos muíños. Tras visita-la catedral e o seu curioso museo, o santuario barroco dos Remedios e a pastelería do rei das Tartas, conversaremos coa estatua do ilustre escritor local Álvaro Cunqueiro e, se cadra, tomaremos folgos no novo albergue de peregrinos, instalado no convento de Alcántara (28 prazas).

De novo en marcha, cómpre proba-las augas da Fonte Vella e dar un paseo polo típico barrio dos Muíños (desvío de 200 m), onde se están a instalar varios artesáns. Á saída da antiga Vila Maior do Val do Brea pódense tomar dous camiños: o da Enfesta, que bordea o monte Pena da Rocha preto do mosteiro de San Martín de Vilaoriente ou dos Picos, que acolleu romeiros no medievo, e vai dereito a Abadín, ou o que ascende o Valiñadares á esquerda da N-634. Este segundo, con partida pola rúa da Regueira, é o que foi sinalizado, pero resulta máis longo có anterior, co gravame de se atopar totalmente asfaltado ata preto de coroa-lo alto da Xesta. Sae da cidade trazando varias curvas por San Queitano (vistas do casco antigo), deixa atrás un mesto souto e ascende en forte pendente polas aldeas de Barbeitas, As Bouzas, Foro e Fraga do Rei (con oratorio da Senhora das Neves) e Maariz. A medida que subimos van desaparecendo os eucaliptos e aumentando o arborado autóctono, así ata o engaiolador lugar onde se atopa a capela con cemiterio de S. Vicente de Trigás, provista dun porche que pode facer as veces dun ocasional refuxio.
Vilanova de Lourenzá-Abadín
Máis adiante cruzamos pola dereita a aldea de Lousada (boa arquitectura popular) para sair, da outra banda da pista que seguíamos con insistencia, a un carreiro que baixa entre arboredo ata o río Valiñadares, que cruza xunto á unha abandonada fábrica de mármore cos seus curiosos fornos. Desde ela se recruece a costa ata o alto da Xesta, con camiño antigo que traza cóbados polos cumios, xa cachos, ata desembocar na parroquial de San Martiño de Galgao, co seu cemiterio, cruceiro e campo da festa.

Desde esta igrexa, por pistas de terra de concentración regresamos á N-634 para cruzala e seguirmos da banda contraria en paralelo a ela, descubrindo por vez primeira a ondulada e gandeira chaira lucense. No baixo quedan unha gasolineira e un taller, pero nos continuamos en liña recta deixando á esquerda unha cruz de pedra e, xa sobre asfalto, ata o núcleo de Gontán, que se desenvolve ó redor do campo da feira e da súa carballeira (capela). Aquí existe unha boa opción para pernoctar, pero tamén se pode subir ata Abadín, onde hai máis pensións e tamén se pode usa-lo polideportivo municipal.

ABADÍN - VILALBA (20,0 Km)

Despois de tantas etapas a través de monts e valgadas, o percorrido pola Terra Chá vai resultar cómodao e moi agradable para o peregrino disposto a desfrutar da paisaxe. Da vertente cantábrica xa pasamos á do Miño (atlántica), e o monte autóctono gaña a partida ós eucaliptos. O maior problema da comarca, por se-los seus solos arxelosos e pouco permeables, é que cando chove se enlaman con facilidade os camiños. Nesta circunstancia será preciso bordonear, ou sexa, tenta-lo terreo co bordón, ou segui-la perigosa e rápida N-634, algo que non recomendamos máis que en caso de extrema necesidade.

De Abadín a Vilalba o Camiño avanza pola cota dos 500 m., sempre próximo á N-634 e á sombra de piñeiros e bidueiros, ofrecéndonos boas vistas sobre a chaira. Despois de deixar á dereita a igrexa de Sta. María de Abadín descendemos entre arborado a Ponterroxal, con pasarela de madeira peonal sobre o rego de Abadín. A seguir sucédense as aldeíñas e lugares de O Rei, Galgueira e Prazas, todos eles da parroquia de S. Pedro de Candia. Varios tramos, de grande atractivo, nos que pisamos congostras moi umbrosas, achéganos á ponte medieval sobre o río Arnela, dun só arco. Trala aldea de Castromaior (capela), onde dá comezo o concello de Vilalba, deixamos nunha banda unha cruz votiva baixo castiñeiros e carballos para achegarnos á N-634, tras un cruceiro, en Viladóniga (Martiñán).

Diante dunha casa cun novo cruceiro, proseguimo-la marcha ata a restaurada e sólida ponte vella de Martiñán (séc. XVII), de tres arcos sobre o río Batán. A sombra dunha ampla carballeira paga a pena desfrutar do lugar, pois se conta entre os máis engaioladores da ruta. Entre bidueiros e piñeiros, con treitos moi ben conservados dun Camiño Real que avanza polo chao en liña recta, salvamo-la estrada local a Carballido e, por un pasal, o rego dos Muíños. Pouco despois ven a encrucillada de Acibeiro, pero nos continuamos de fronte cara Ver. Recuperamos o firme de terra, a carón dun cruceiro e con presencia de acivro, deixando atrás os casais de Chouzas e Outeiro. Deste xeito chegamos de novo á xeral en Santiago de Goiriz, lugar que se presta para facer un alto, pois además de contar coa capela de Fátima (cruceiro) e igrexa con porche (refuxio), hai varios servicios para nos avituallar.
Abadín-Vilalba
Logo será preciso seguir a N-634 durante 350 m. para atravesala de novo e tomar unha senda no lugar de O Francés (cruceiro), con pequenos problemas de paso pola ocupación de 20 m. da senda por un veciño. Superado este punto e guiados por un novo cruceiro, a través de Fontoiras e As Casasnovas, entre cobertizos e algún vertedoiro de lixo incontrolado, chegamos axiña, despois de converxer coa estrada xeral na Casilla, ó moderno e impactante albergue de Vilalba (48 prazas). Emprazado a carón do postos da Cruz Vermella e Protección Civil, e do polígono industrial, o albergue dista 10 minutos do centro urbano.

VILALBA - BAAMONDE (19,2 Km)

Se pernoctamos no albergue, pola mañanciña será preciso cruzar o extenso casco urbano de Vilalba: primeiro a parte nova, logo o conxunto histórico (rúa Porta de Cima), para sair costa abaixo pola rúa Concepción Arenal diante dun taller de reparación de bicis, da caseta de Protección Civil e ás costas dunha gasolineira.

O percorrido pola chaira segue a resultar feiticeiro. Tal é así á saída de Vilalba, pois a ribeira do Madalena, superado o impacto dunha fábrica na baixada, foi convertida en fermoso parque fluvial con paseos e áreas de lecer na zona do muíño do Rañego, un espacio idóneo para que o peregrino acougue. Debemos ascender logo a costiña de Penascorveiras, por O Couto e O Covo, para continuarmos avanzando entre bosquetes mixtos de piñeiros, bidueiros e carballos ata o lugar de Ponte Rodríguez, con boa ponte de pedra e madeira, restaurada pola escola-obradoiro comarcal, sobre o río Trimaz, que unido ó Madalena forma o Ladra. Unha nova costa entre as casas da aldea de Camiño convértese de contado en ancho carreiro, escoltado por castiñeiros e bidueiros. Á man esquerda deixámo-lo núcleo dos Sabugueiros, atravesando pouco despois os máis poboados de Seara e Gabín, desde donde divisamos ás nosas costas, por última vez, o casarío de Vilalba. A saída deste lugar aparece unha encrucillada múltiple, de ata 6 vía, presidida pola antiga escola unitaria.

Un lixeiro ascenso polo monte da Camposa lévanos ata As Turbelas, onde existe unha cruz de ferro, e logo á N-634 en San Xoán de Alba. Vemos a súa igrexa parroquial, o cemiterio de gabletes neogóticos en molde de cemento e un templete ós caídos 'por Dios y España'. Se ben o cartel sinala a necesidade de cruza-la estrada, máis vale seguir 200 m. pola beiravía da dereita, xa que de novo voltamos a tomar unha pista por esta banda. O Camiño convertese agora nunha liña máis ou menos recta, paralela á estrada, con problemas de empozamento. Prosegue a través das aldeas de Carralmaior, Torre Pedrouzos e Pedrouzos, sendo visible, á outra banda da xeral, a igrexa de Santa María de Torre. Pouco despois cruzámo-la N-634 en Costián (ermida de San Nicolás e gasolineira), pero o camiño volve rápido, con un xiro de 90º, á xeral na Ponte de Saa (¡novo cruzamento!).
Vilalba-Baamonde
Deixando atrás as casas, o peregrino chega á ponte medieval de Saa, de aparello louseño, tendida sobre o río Labrada (afluente do Ladra). Veñen despois os lugariños, escasamente arranxados, de Casas Novas e Cardosas, desde donde realizamos un enésimo e perigoso cruce da N-634 para entrarmos no concello de Guitiriz. Unha serie de pistas da parcelaria dirixense a Baamonde a través de Fonte Pequena, Penas, Contariz e Casasnovas. Pasado este último lugar atopámo-la escola, levantada polos indianos, da Pígara, con amplo campo da festa e cruceiro; dista 400 m. da igrexa parroquial de San Pedro de Pigara. De fronte deixamos marcha-la estrada a Casa Muíño, Castiñeira e Lamela, unha boa opción para os ciclistas que queiran entrar en Baamonde sen pisa-la estrada de Oviedo. Os marcos, nembargante, sinalan un novo regreso á N-634 na Pigara. Cruzándoa, tomámo-la pista sinalada a Casanova e Ferreira (capela de San Bieito).

Entre a Ponte Ferreira, inicio do concello de Begonte, e a fin da etapa, a chaira tórnase máis monótona e tristeira no alto da Silvosa, sendo preciso seguir 1 qm. pola N-634, pasando logo á esquerda pola aldea de Rega pouco antes de entrarmos en Baamonde baixo o enlace coa autovía do Noroeste. A localidade compensará con creces a dureza deste último tramo co seu albergue (94 prazas), o mellor do Camiño Norte, e coa súa variada oferta gastronómica rural, sen esquece-la igrexa gótica dedicada a Santiago e mailo castiñeiro tallado no seu adro por Victor Corral, escultor autodidacta que conta cunha curiosa casa-museo preto dela.

BAAMONDE - SOBRADO DOS MONXES (40 Km)

A etapa, moi longa a menos que a partamos para pernoctar en Miraz, que conta cun sinxelo albergue parroquial, obriga ó peregrino a madrugar. Os 3 primeiros quilómetros transcorren pola antiga N-VI (hoxe case sen tráfico), á beira da vía férrea, ata que atopamos á esquerda, pasada a área recreativa da Perdiz, o desvío cara a ermida de San Alberte (de novo no concello de Guitiriz), á que accedemos cruzando a ponte medieval de dous arcos, refeita no século XVIII, sobre o caudaloso río Parga. Tras descansar na súa carballeira, unha senda sobe ó altiño das Amargueiras para nos mergullar nun longo rosario de pequenas aldeas comunicadas por unha maraña de pistas locais, asfaltadas algunhas, de terra outras, con tramos de corredoiras. Xa que logo, a partir de agora recomendamos prestar atención ós sinais.

Polos lugares, de casarío moi disperso, de Rego da Viña, As Penas, Toar, A Fonte, Sobreouteiro e Bandoncel, avanzamos ata o campo da festa de San Breixo de Parga (a igrexa queda 200 m. á dereita) e Caínzos, onde deixamos partir á dereita a estrada de Santo Estevo e maila Pobra de Parga. Seguimos logo por zonas repoboadas con piñeiros e eucaliptos, por camiños de terra que desembocan na valgada do rego Portaxestas; a carón da ponte agrúpanse os núcleos de Ceboleira, Pateira, Digañe e Raposeira, que preceden ó de Eirexe, sé da parroquial de Santa Locaia de Parga (igrexa, campo da festa e antiga escola).

Aquí cómpre tomar á esquerda a estradiña que segue ó sur por Carballedo e entra no concello de Friol, superada a área de lecer da parroquia de Seixón e maila ponte sobre o rego Lavandeira, polos compactos e antigos núcleos rurais de Seixón de Abaixo e Seixón de Arriba. No segundo poñen un selo ós peregrinos na casa do escultor que labrou o curioso cruceiro próximo á igrexa románica de San Paio (a 100 m. do Camiño).

Descendendo á esquerda pola estrada de Parga, retomámo-lo sentido de poñente por Sucampo e, desviandonos de novo a esquerda por A Lagúa (naves en tixolo dunha granxa). Sen máis perda, dirixímonos a Miraz, a donde entramos por unha corredoira baixo carballos a rente do muro que pecha o seu pazo dos Saavedra, con torreón medieval e anexos dezaoitescos. No centro da aldea aparecen a igrexa, o albergue e unha área de lecer con cruceiro.
Baamonde-Sobrado dos Monxes
A pouco de sair deste núcleo, e superados os arrabaldes de Outeiro e As Laxes, así como o rego de Anafreita e mailo casal do Ribeiro do Monte, cómpre inicia-lo ascenso polo áspero e pelado monte Vilaldar, que forma parte dos derrames da Cova da Serpe, cadea da Dorsal Galega con teito nos 838 m. O carreiro sobe entre valados, coa rocha nai por firme, entrando nunha zona despoboada, ventosa e de toxeiras, con alagamentos e torrenteiras cando chove. Logo descende ata O Portolamas (rego) e A Devesa, lugares da parroquia de San Pedro de Anafreita. En lugar de afronta-la serra, opta por rodeala cara o sur a través de Carballoso, Mantelle, A Roxica e A Cabana, onde cruzamos un rego. O asfalto desta pista local acompáñanos polos desanxelados casais de A Travesa e A Marcela, sitos na aba do monte da Fonte das Bestas. Pouco despois, desviámonos á dereita pola aldea de Corteporcos, desde donde un carreiro afronta xa o ascenso ós montes do Corno do Boi, prolongación meridional da Cova da Serpe. Entre xestas chegamos por fin o cumio, enlazando coa estrada AC-233, que nos leva ó Marco das Pías. Estamos no teito do Camiño Norte galego, a 710 m., e entramos na provincia da Coruña. Ás nosas costas queda a cobizosa Terra Chá, regada polo Miño e os seus afluentes, e diante a Terra de Melide, coas fontes do Tambre e Mandeo.

Na baixada a Sobrado, os bosquetes autóctonos son engulidos pola cada vez máis abondosa presencia de piñeiros e eucaliptos. A pregiza por procurar alternativas, que existen á esquerda pola ermida de Sta. Comba e Abeledo, obríganos a segui-la estrada AC-233 ata Vilariño e O Mesón. Aquí desviámonos á dereita pola pista que segue por A Esgueva e Moradelo, onde tomamos un atractivo carreiro que baixa encaixado entre arboredo e penedos polas aldeas de A Lagoa e A Nogueira. De volta a estrada en Guitiza, antes de entrar en Sobrado pasamos a carón da lagoa artificial creada polos frades para se fornecer de peixe; hoxe constitúe un espacio natural protexido no que abundan tamén as rás.

Os arrabaldes de A Porcariza e A Carreira xa nos deixan no adro do mosteiro cisterciense de Santa María. No seu claustro de romeiros conta cun albergue de 66 prazas instalado nas antigas cabaleirizas. Os peregrinos son convidados, na moderna capela monástica, a asistiren ás oracións dos monxes.

SOBRADO DOS MONXES - ARZÚA (22,3 Km)

O Camiño vai perdendo frescura natural a medida que avanzamos cara Compostela, pero a proximidade da meta adoita face-los defectos imperceptibles. A 1 qm. do mosteiro tomamos un desvío á man esquerda por Pontepedra (área de lecer), que se prolonga en liña recta para cruza-la aldea de Vilarchao e os lugares do Peruxil e O Castro. Así desembocamos na estrada de Corredoiras para seguirmos, pouco despois, subindo entre arborado pola banda contraria. Unha fermosa congostra entre carballos e con moita hedra chega axiña a Carelle, con igrexa parroquial de San Lourenzo, carballeira e campo da festa. As pistas locais prolónganse por Froxa, A Casanova e Madelos (última aldea de Sobrado dos Monxes), e as da parcelaria, sobre firme de terra, cruzan o rego Batán ata o antigo campo de fútbol das Corredoiras, transformado nunha ampla área de lecer.

Desde aquí seguimos durante 1 qm. ata a encrucillada de As Corredoiras, ben provista de servicios para o camiñante ou ciclista, atravesando a C-540 (Melide-Betanzos) para seguir de fronte, pola anovada AC-234, camiño da igrexa de San Miguel de Boimil (desvío á dereita). Virando agora ó SO, retomámo-la devandita estrada para chegarmos ata A Gándara, capital do concello de Boimorto. A localidade, ben provista de servicios, exténdese ó longo dunha interminable rúa. Os veciños poden aquí recomendar ó peregrino con présa que siga o atallo, pola parroquia de Calvos de Sobrecamiño, ata Pedrouzo ou Lavacolla (estradiñas asfaltadas), pero o itinerario balizado continúa por pistas da parcelaria deica Arzúa.

Desde A Gándara iniciamos un agradable descenso entre carballos, castiñeiros e prados (estrada local), deixando a man esquerda as casas de Franzomil, ata a igrexa de Santa María de Sendelle, con ábsida románica. Salvado un rego, a pista prosegue por Piñeiro de Baixo, xa con maior presencia de granxas de vacún e pradaría, e Galiñeiras, facendo a entrada no concello de Arzúa pola parroquia de Viladavil. A pista da parcelaria inicia aquí un descenso por campos abertos ata a ponte e lugar de Trapa, continuando por O Castro, Casaldoeiro e Peceñe, todos eles de arquitectura moi cativa. Xa nas aforas de Arzúa, O Viso supón un remanso de paz coa súa casa brasoada e a carballeira, pero aquí xa comeza o asfalto que nos conduce ata A Fraga. Deixando á esquerda o desvío ó poboado pre-romano de Castro Curbín, a carón do campo da feira xa entramos en Arzúa, sendo preciso achegarse ata a N-547 para atopa-lo albergue.
Sobrado dos Monxes-Arzúa

ARZÚA - SANTIAGO DE COMPOSTELA (39,5 Km)

Unha vez en Arzúa, o peregrino do Camiño Norte desemboca na grande autoestrada xacobea do Camiño Francés, de abondo divulgada e sinalizada -e tamén ateigada de peregrinos- como para que sigamos aquí ofrecendo datos sobre ela.

Lembramos, únicamente, que a etapa ata Compostela pódese camiñar dun tirón ou facendo escala nos albergues de Santa Irene (16,5 Km), Arca (19,8 Km) ou o Monte do Gozo (34,4 Km). A paz e soedades ate agora vividas no Camiño Norte constituirán xa unha feliz lembranza.

 
Pulsa aquí para compartir este contenido