Prolongación Xacobea a Fisterra e Muxía PDF Imprimir
Escrito por A.G.A.C.S e Asociación Neria   

Prolongación a Fisterra-Muxía

A cristianización dos antigos cultos pagás de carácter astral e litolátrico, segundo parece relacionados coa fecundidade, propiciou, como en tantos lugares da costa atlántica europea, a integración dos vellos ritos por medio de lendas. Estas consistiron en asocia-los promontorios, pedras e outros lugares sacralizados, a santos chegados do mar. Xurde así o relato, probablemente elaborado no veciño mosteiro de Moraime, que sitúa a aparición milagrosa de María a Santiago, no lugar de Muxía, para confortalo cando este predicaba sen moito éxito entre os xentís. Pero a Virxe non fixo a travesía de calquera xeito, senón nunha barca de pedra da que permanecen no lugar o casco, a vela e mailo timón. Neste lugar foi levantada no medievo unha ermida, no século XVIII transformada en santuario. A Nosa Señora da Barca concorre unha nutrida romaría os primeiros días de setembro. Prolongación a Fisterra e Muxía
En canto a Fisterra e o seu cabo, aparecen vinculados á lenda da traslación do Apóstolo Santiago por medio do episodio que despraza ós seus discípulos, despois de ter transportado o seu corpo decapitado de Palestina a Padrón, ata o confín do mundo coñecido. Tras solicita-lo permiso de enterramento ó gobernador de Dugium, cidade desaparecida que ocupou o istmo fisterrán, fuxen de volta polo mesmo camiño que os trouxera, pasando o río Támara (Tambre), en Negreira, por unha ponte que se derruba cando era alcanzada polos seus perseguidores. O relato foi integrado no célebre Códice Calixtino (s. XII).

En Fisterra é venerada a imaxe gótica do Santo Cristo, de acordo coa tradición milagrosamente chegada por mar e, dado o seu realismo e patética expresión, popularmente convertida nun ser humano de seu e ó que lle medran unllas e cabelo. A talla protagoniza a Semana Santa da vila (Festa de Interese Turístico Nacional), que contradicindo a norma está centrada non na Paixón e Morte, senón na Resurrección. Cristo é así coma o sol, que tras perderse no océano insondable da morte, resucita das tebras.

Foi así como Fisterra e Muxía ficaron para sempre unidos á lenda xacobea, e como consecuencia visitados desde os primeiros tempos da peregrinación. En Hospital de Logoso (Dumbría) xa aparece documentado un hospital a finais do século XII, e na Baixa Idade Media houbo outros en Bon Xesús, Cée, Corcubión, Fisterra e Muxía, creando unha rede asistencial de apoio ó camiñante. Desde o século XIV contamos con diarios e relatos de peregrinos, de diversas nacionalidades, nos que adoitan mesturarse a devoción e maila curiosidade por coñece-la fin da terra, o lugar onde remata a ruta coincidente coa traxectoria do astro rei e máis da Vía Láctea que guiara os peregrinos do Camiño Francés.

Hoxe, como antano, volven os peregrinos a percorrer un itinerario novamente dotado de albergues e unha completa sinalización. Na revitalización desta ruta xogaron un especial protagonismo a Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago e maila Asociación Supracomarcal Neria, que cada primeira semana de agosto organizan unha peregrinación colectiva desde Compostela.

SANTIAGO DE COMPOSTELA-NEGREIRA (21,3 km)

Situado na Praza do Obradoiro, o peregrino debe toma a rúa das Hortas, a que se accede descendendo entre a Casa Consistorial e mailo Hostal dos Reis Católicos. Logo, sempre en liña recta, seguimo la rúa Poza de Bar ata chegarmos á carballeira de San Lourenzo, onde houbo un antigo mosteiro franciscano; o templo atesoura un altar e sartegos italianos realizados en mármore (séc. XVI). A partir deste punto a sinalización de frechas amarelas e marcos de pedra é moi completa, polo que xa non hai perda.

Tras baixar ata Ponte Sarela, fermoso núcleo rural formado ó redor da ponte que contou con varios muíños e fábricas de coiro agora en proceso de rehabilitación, unha estreita senda salva un rego por un pasadoiro e sobe a Sarela de Baixo, desde donde contemplamos por última vez as torres da Catedral.

Avanzamos pola comarca da Amaía, cantada por Rosalía de Castro, cruzando núcleos rurais que alternan con novas vivendas residenciais ata o Alto do Vento (mesón). Por Ventosa e Lombao (tenda, mesón) baixamos ata Augapesada (ponte medieval), punto recomendado para descansar antes de inicia lo duro ascenso (3,5 qm.) ata o Alto do Mar de Ovellas (fonte potable). O cumio marca o tránsito á comarca da Barcala. Por medio dun longo descenso, a través de Susavila de Carballo, Trasmonte (igrexa barroca) e Burgueiros, acabamos batendo co Tambre no enclave histórico de Ponte Maceira, que conta cunha fermosa ponte gótica de tres arcos e un notable conxunto de arquitectura tradicional. O lugar resulta idóneo para deterse a repor forzas (hai un bar restaurante).

Santiago-Negreira


Tras atravesar unha pequena carballeira e pasar por baixo dun arco da ponte nova (séc. XIX), sita augas abaixo, seguimo lo val do Tambre ata Barca. Desde aquí, cruzando a estrada xeral, é preciso subir (500 m.) ata Chancela (pazo), que xa queda a un tiro de pedra da vila de Negreira (todo tipo de servicios).

En Negreira recíbenos unha imaxe do Apóstolo peregrino, sen do entón necesario virar a dereita, pasar diante da Casa do Concello e seguir todo recto, diante da Casa da Cultura, para pasar baixo o arco ameado que une o pazo do Cotón coa capela de San Mauro, varón que peregrinou polo mundo na procura da eternidade.

Seguindo o Camiño pola estrada de Noia, cómpre separarse del un pequeno tramo (250 m.) para atopa lo albergue de peregrinos.

NEGREIRA-OLVEIROA (33,2 km)

A segunda etapa, bastante longa, pode ser dividida en dúas máis curtas se pernoctamos no albergue de Vilase-río, onde tamén é posible chegar a primeira xornada.

Desde o albergue de Negreira é preciso retroceder para atopar a man esquerda, en costa, o acceso á igrexa de San Xulián (cruceiro). Cruzando o adro do templo, por unhas escaleiras traspasamos unha porta e seguimos entre casas ata bater cun carreiro que prosigue á sombra de frondosas e eu-caliptos. Tras pasar xunto a un depósito de auga desembocamos nunha estrada, que debemos seguir ata a aldea de Zas, á que entramos desviándonos á dereita.

Neste punto comeza un longo traxecto polo camiño real, con lixeiras alteracións, que en esencia avanza en liña recta pola marxe esquerda do val da Barcala, quedando sempre a estrada á esquerda. En Camiño Real, pero des-viandose 50 m. á esquerda ata a estra-da, hai unha tenda. Cruzamos dúas pistas asfaltadas pero en todo momento seguimos de fronte, se ben é de notar que hai tramos algo pechados pola vexetación.

Superada a aldea de Rapote alcanzamos Piaxe, sé da parroquial de San Mamede da Pena (bar sinalizado a 50 m. á esquerda) que conta cun bo cruceiro, e voltamos á estrada en Portocamiño.
Negreira-Olveiroa
Tras un curto desvío, por camiños de terra, á dereita, de novo topamos coa estrada, que xa nos conduce directamente a Vilaserío (baixada á esquerda, na aldea hai un bar onde fan bo-cadillos). Pasado o núcleo vémo-lo albergue de peregrinos na mesma estrada. De non deternos aquí, continuarémo-la marcha pola aldea de Cornado (fonte xacobea) e, camiñando agora polas chairas da Terra de Xallas a través de cartesianas pistas de concentración parcelaria, á de Maroñas.

De Maroñas a ruta sigue a Santa Mariña (igrexa románica), aldea que conta cunha agradable área de lecer.
A 500 m. batemos coa estrada que conduce, á esquerda, a Pino de Val (no cruce hai un bar onde fan bocadillos). Axiña deixámola pola dereita para cruza-las aldeas gandeiras de Bon Xesús (cruceiro), Gueima e Vilar do Castro. Neste punto, virando primeiro á dereita e logo á esquerda, comeza o ascenso o fantástico Monte Aro, no que ademais de atravesarmos un castro cuberto pola vexetación, gozaremos de excepcionais vistas sobre a comarca e o grande encoro de Fervenza (Mazaricos).

Baixando a Lago, proseguimo-la marcha polos lugares de Abeleiroas e Corzón (igrexa e cruceiro), este xa próximo ó río Xallas, salvado en Ponte Olveira por unha ponte do século XVI moi reformada. A dous quilómetros do río é posible pernoctar no albergue de Olveiroa, contando a localidade cunha

OLVEIROA-FISTERRA (30 km)

De Olveiroa saímos a rente dun lavadoiro. Logo toca subi-lo monte do Sino por unha pista forestal nova, obtendo boas vistas do encaixado río Xallas, que conserva un bonito bosque de ribeira e no que se suceden varios saltos hidroeléctricos. Completan a producción eléctrica da zona a serie de viraventos colocados no cumio das montañas.

Tras salva-la derrubada ponte de Logoso e subir ata a aldea do mesmo nome, tomamos como referencia a enferruxada fábrica de carburos de Ferroatlántica, que sempre bota fume pola súa cheminea. Á dereita queda a aldea de Hospital, que conserva o topónimo en alusión ó albergue co que contou desde o medievo (bares). Nunha rotonda é posible optar por seguir a Fisterra ou toma-lo camiño de Muxía.

O camiño real segue cara Fisterra polos ventosos e desaboridos montes de Buxantes, e conserva o seu aspecto antigo xusto desde a entrada da fábrica, onde é preciso desviarse á dereita e abandona-la estrada que baixa a Cée, ata a ría de Corcubión. A través destas soedades, última proba antes de ve-lo mar, pasamos xunto ó cruceiro do Marco do Couto, acompañado dunha pedra xurisdiccional, e pola ermida de Nosa Señora das Neves (cruceiro, fonte santa e boa sombra para o descanso). Xa co cabo Fisterra ó fondo (entramos na comarca de Fisterra), outra ermida solitaria ofrécenos un área de descanso con fonte, a de San Pedro Mártir.

Olveiroa-Fisterra
O descenso polo monte da Armada ata a ría resulta espectacular, con sucesivas panorámicas do cabo Fisterra, o Cabo Cée, o mítico monte do Pindo e mailas vilas de Cée, na que entramos desde Camiños Cháns (cruceiro, bar) e Corcubión. En Cée (tódolo servicios, incluido un albergue de peregrinos na sé de Neria), convén achegarse ata a igrexa parroquial (s. XV e XIX) e mesmo coñece-lo edificio da Fundación Fernando Blanco (fin s. XIX) e mailo museo que acolle os fondos desta institución (na alameda).

Logo, bordeando o fondo da ría polo recheo, é posible entrar a Corcubión pola parte alta (camiño antigo) ou pola beiramar. Nesta vila (tódolos servicios), declarada conxunto histórico artístico, cómpre visita-
la delicada imaxe italiana de S. Marcos da Cadeira (fin do séc. XV), titular da parroquial gótica. Desde o campo infantil, unha senda sobe ata aldea do Vilar (fonte) e volve a descender ata Estorde, sita nunha enseada con boa praia (cámping, bar, restaurante).

A menos dun quilómetro entramos na localidade de Sardiñeiro (bares, tendas, restaurantes, fonte), tamén con praia e paseo marítimo. Nela deixámo-lo asfalto para retoma-lo camiño real entre piñeiros e eucaliptos. Este regresa por fin á estrada, preto dun miradoiro sobre o cabo, reborda a cala de Talón e achégase a Fisterra, desde Calcoba (bares, restaurantes) a través do longo paseo marítimo enlousado da praia de Lagosteira, que remata na cruz de S. Roque ou de Baixar (séc. XVI). Xa na vila (tódolos servicios), pasamos diante do Concello e baixamos ó porto, onde atopámo-lo albergue de peregrinos. No albergue faise entrega, ós que levan a credencial debidamente selada, da Fisterrá, documento acreditativo de ter chegado á fin da terra en peregrinación.

OLVEIROA-MUXÍA (30 km)

De Olveiroa será preciso seguir a Hospital e ata a rotonda citada na etapa anterior, e aquí optar pola variante de Muxía, que descende ata Dumbría (igrexa románico-barroca, bares, banco, tendas, comidas). Logo será necesario toma-la vella N.550 e cruza-la nova para continuar por un eucaliptal ata a aldea de Trasufe, que conta coa venerada capela da Virxe do Espiño (fonte santa), Nosa Señora de Aránzazu popularmente coñecida como \\\"a Santiña\\\".

A seguir cruzámo-lo río Castro por unha moderna ponte onde existe un muíño, e avanzamos por pistas de concentración par-celaria, entre campos cultivados, ata o núcleo de Senande (bar, tenda), practicamente unido ós de Agrodosío e A Grixa, onde se atopa a parroquial de San Cibrán de Vilastose.

Unha atractiva pista forestal, de novo escoltada por eucaliptos, piñeiros e valados de pedra, salva o monte Maior e descende a Quintáns, lugar indicado para repor forzas (hostal, restaurante, tenda). De Quintáns
descendemos ó val, cara Ozón, pisando un tramo da calzada real empedrada que viña de Negreira por Baíñas e Berdoias. Do antigo mosteiro bieito de San Martiño restan a igrexa, de cabeceira románica, a rectoral e máis un hórreo que se conta entre os máis longos do país.


Desde Ozón pode seguirse o camiño real por Vilar de Sobremonte, que descende rápidamente a Os Muíños entre arborado, ou guiarse polos marcos de pedra, que nos fan dar unha considerable volta de 2 qm. coa compensación de ve-la ría de Camariñas pasando por Merexo, que conserva numerosas casas de pedra e cabazos.
Olveiroa-Fisterra
Á esquerda, seguimos por estrada ata Os Muíños (hotel, bares, tendas, farmacia), topónimo que fai referencia ós moitos que movía o río Negro. Descendo cara a praia da Area Maior, axiña subimos a Moraime. Aquí debe ser visitada a notable igrexa de San Xulián, románica do séc. XII con dúas portadas historiadas, tres naves, tripla cabeceira e murais góticos. Fronte a ela aparece a rectoral, único vestixio do antigo mosteiro e priorado. No lugar existe un área de lecer con fonte.

Tras cruza-la estrada que conduce a Muxía, continuamos ata a capela de S. Roque (Chorente) para realiza-lo último descenso á praia de Espiñeirido, divisando desde o alto o conxunto urbano de Muxía, que ocupa un promontorio que remata na punta da Barca. Logo de rodea-la praia da Cruz, a través do paseo marítimo continuamos onda o porto ou pola rúa real, desde donde xa aparece sinalizado o camiño ó santuario de Nosa Señora da Barca. Desde a parroquial gótica existe un agradable camiño peonal enlousado.

O santuario, barroco do século XVIII, loce un fermoso altar do mesmo estilo e de escola compostelá (Miguel de Romay) presidido pola delicada imaxe gótica da Virxe, que foi colocada nunha barca, guiada por dous anxos, na que tamén aparece a figura de Santiago orante. Outro altar menor, dedicado a S. Miguel, atópase repleto de emblemas xacobeos. Numerosos exvotos en forma de barco ou pinturas ocupan as paredes do templo. Diante del permanecen na beiramar as pegadas da lendaria embarcación de pedra que trasladou á Virxe María: a Pedra de Abalar, a Pedra dos Cadrís (que sana as doenzas reumáticas de pasarmos 7 veces baixo ela) e maila Pedra do Timón. Desde aquí divisamos unha abraiante anorámica
da Costa da Morte, antano célebre polos seus naufraxios: dunha banda o cabo da Buitra, e no extremo norte o rochoso cabo Vilán.

FISTERRA-MUXÍA (28,8 km) ou viceversa

En Fisterra, os peregrinos adoitan des-cansar nas terrazas do porto, onde poden degustar racións de peixe fresco e marisco, e logo soben ata o faro para coñece-lo promontorio e admira-lo solpor. De camiño
resulta inevitable visita-la igrexa románico-oxival de Sta. María das Areas, precedida dun cruceiro gótico, onde é venerada a talla do Santo Cristo. De camiño ó faro vese o novo cemiterio, obra moi loubada de César Portela. O regreso pode realizarse, mellor que pola estrada, a través da pista de terra que sobe ó monte do Facho (antea de co-municacións) e continúa ata a aldea da Insua e Fisterra, deparándonos magníficas vistas sobre o cabo da Nave e mailo areal do Mar de Fóra. Ademais, de camiño poden ser coñecidas as ruínas de San Guillerme, capela de moita devoción entre os peregrinos do-utrora e relacionada cos antigos cultos de fertilidade, ata o século XVIII executados polas parellas que non tiñan descendencia no leito do santo.

Para seguirmos de Fisterra a Muxía temos que sair por onde entramos e, desde a cruz de baixar, segui-la estrada xeral ata ver, á man esquerda, o desvío cara S. Martiño. Por pistas ben sinalizadas cruzámo-lo mítico Val de Duio: primeiro xunto á parroquial de San Martiño de Duio, logo a través dos núcleos de Escaselas, Hermedesuxo de Baixo e San Salvador. Desde este punto, rodeamo-lo grande seo da praia do Rostro, de mar bravo e forte ondaxe, polas aldeas de Rial, Buxán, Castrexe e Padrís, todas elas con accesos ó areal bañado polo mar exterior ou \\\"de Fóra\\\".


Fisterra-Muxía
Desde aquí entramos de novo nunha zona de monte con varias encrucilladas nas que cómpre prestar atención ós sinais. Des-cendo por Canosa alcanzarémo-lo pobo de Lires (bares, tenda, hospedaxe rural e convencional), xusto diante da igrexa de Sto. Estevo. Despois de cruza-lo casarío, a ruta continúa ata o Vaosilveiro, onde normalmente será preciso molla-los pes para salva-lo río Castro polas pedras que foron colocadas no seu leito, polo que convén ir provistos de chanclas e toalla. Xa en terras de Muxía, alternan as paisaxes agrarias coas zonas de monte repoboado, indo o camiño antigo dereito por Frixe (igrexa románica, bar), Guisamonde, Morquintián (cruceiro, fonte e templo románico) e Vilela.

A partir deste punto caben dúas op-cións: 1. segui-lo camiño litoral á esquerda, soamente sinalizado con marcos de pedra á partida, que discorre por Martineto, Figueiroa e Lourido, desde donde se descende xa a Muxía e desfrutamos magníficas vistas; ou 2. toma-lo camiño antigo á dereita, primeiramente sinalizado cunha frecha amarela no chan, logo tamén con marcos de pedra, que sobe ó monte Facho de Lourido pista de terra) e logo descende dereito por Xurarantes ata Lourido. Coa opción do interior aforramos 2 km. (coíncide co quilometraxe da etapa).

Bordeando a praia de Lourido entramos en Muxía pola porta de atrás (cara contraria ó porto), sendo recomendable cruza-lo casarío, sempre en liña recta pola rúa da Atalaia, ata bater na punta do promontorio co Camiño da Pel, que conduce directamente ó Santuario da Barca. En Muxía pódese durmir no albergue e consegui-la Muxiana (documento semellante ó de Fisterra) no posto de información sito na Casa da Cultura. Na vila (tódolos servicios) tamén se visitan a igrexa parroquial gótica, a lonxa, o museo de fotografía, etc.

 
Pulsa aquí para compartir este contenido