|

O achado polo bispo de Iria Flavia Teodomiro a principios do século IX dun sartego, atribuído ao apóstolo Santiago, vai permitir o comezo do fenómeno da peregrinación xacobea. Un dos primeiros en coñecer tal nova foi o rei Afonso II O Casto, e fixoo de boca do propio bispo que se desprazou ata Oviedo para comunicarlle ao rei tal achado. Posiblemente foron estes dous persoeiros os primeiros en inaugurar o que hoxe coñecemos como Camiño Primitivo: un para levar a nova ao monarca e, este, como primeiro peregrino que acude ante o sartego do Apóstolo. O rei virá desde Oviedo coa súa corte e mandará erguer un pequeno templo. E pola vinculación con este monarca tamén lle chaman a este camiño de Afonso II. O de Camiño Primitivo vén por ser o primeiro itinerario de peregrinación a Compostela. |
|
|
|
 |
Pronto o camiño vai recibir o apoio da monarquía porque esta decátase, moi axiña, de que este feito de índole relixiosa, como era o achado do sartego do Apóstolo, e aparentemente algo que acontece de xeito casual, podía ser utilizado para reforzar a unidade e o prestixio do reino fronte ao poder musulmán que se estendía por case que toda a península Ibérica, agás neste reino do extremo occidental e fornecido polas estribacións montañosas da cordilleira cantábrica. Así convertían este pequeno e afastado reino nun dos focos máis importantes da peregrinación cristián, xunto a Xerusalén e Roma, e nun importante centro de atracción mundial. Ao tempo que este feito podía axudar a articular o territorio e o poder en torno a dous polos: o político en Oviedo e o relixioso en Santiago. Coa peregrinación xa funcionando moitos dos peregrinos que chegaban ata Compostela, prolongaban ou desviaban a súa peregrinaxe polo Salvador de Oviedo. E en relación a este feito de peregrinar ata o Salvador di o dito que quen vai a Santiago e non ao Salvador, serve ao criado e esquece ao señor. Mais o camiño non medra da nada. Posiblemente esta ruta siga, en certa medida, o trazado dunha anterior vía, da rede secundaria romana, que comunicaría a principal cidade da vella Gallaecia, Lucus Augusti (a actual Lugo), con Lucus Austurum (Lugo de Llaneras ou Oviedo), situada nun centro de explotación mineira, pero as fontes arqueolóxicas non axudan moito a confirmar este dato. Este camiño foi unha alternativa máis segura para chegar a Santiago antes da definitiva consolidación do Camiño Francés, xa de cheo no século X. |
ALTO DO ACEBO-PARADAVELLA (30 Km)
Este camiño, no tramo galego, comeza no Alto do Acebo e arranca cara a Fonfría mesmo detrás dun solitario bar. Durante un par de quilómetros poderemos camiñar polo medio das vacas e por un camiño de terra ata que chegamos á estrada que vai a A Fonsagrada. Deixamos atrás A Cabreira para chegar a Fonfría, onde hai unha fonte. A douscentos metros o camiño métese á esquerda e volve á estrada en Barbeitos e segue ata Silvela, onde atopamos unha moderna capela coa simboloxía xacobea e unha área recreativa. A uns 500 m. collemos outra vez a estrada para chegar a Paradanova. Chegando a Paradanova o camiño bifurcase. Nas últimas casas, e á esquerda da estrada, arranca cara á Fonsagrada, onde entra por diante da «Escola Taller Camiño Primitivo»; é esta unha variante máis moderna. A outra alternativa lévanos a Pobra de Burón, é o ramal máis histórico. Saíndo de Paradanova teremos que coller unha ampla pista que sae da estrada principal á dereita e sube ata onde atoparemos un serradoiro de madeira á dereita. Aquí a pista empata noutra, pero nós teremos que seguir de frente por unha vella corredoira entre prados e deixando atrás a pista que vai á Fonsagrada. Neste inicio podemos atopar algún arame que atravesa o camiño. Non lle facemos caso, pois só marcan o paso para que as vacas pasen dun prado ao outro e non collan polo camiño.
Cando a corredoira emboca nunha pista o camiño segue de fronte, mais cando nós o fixemos estaba totalmente cuberto de silvas e era imposible continuar. Optamos por seguir pola pista tendo en conta que o camiño queda a nosa dereita. Se seguimos a pista e viramos cara a dereita iremos dar a un punto onde ambos se encontran, un pouco antes da estrada que vai da Pobra de Burón á Fonsagrada. |
|
Chegada a esta cruzámola e seguimos baixando por unha corredoira que o tempo e os carros labraron fondo polo medio dun bosque de árbores autóctonas. No seu comezo atopamos un moderno e chamativo enlousado. Case ao final desta corredoira, e antes de entrar na Pobra de Burón, pola ¡¡Praza Mao Tse-Tung!!, atoparemos un manantial de auga que baixa da carballeira. Pobra de Burón foi capital de concello ata 1835 e garda aínda un rico patrimonio cultural: arquitectura popular, ruínas da Torre de Burón, igrexa. Saíndo desta poboación pasamos por diante da capela de San Xoán e, xa fóra do núcleo urbano e subindo, as ruínas dun antigo hospital. Desde aquí o camiño sube pola serra arriba por unha pista e pasamos por Xestoso antes de chegar a unha pequena estrada, atravesamos esta e seguimos monte arriba entre unha repoboación de piñeiros. Cruzaremos unha pista forestal que leva a unhas antenas de telefonía que están no alto do monte. Desde aquí o camiño baixa cara a Hospital de Montouto. Este último tramo de camiño é unha corredoira que pasa ao carón das ruínas do hospital, que foi fundado por Pedro I O Cruel. No prado que está detrás podemos ver os restos dun monumental dolmen. O desvío que vai pola Fonsagrada deixanos nesta vila, é capital do concello, ten feira, un Museo Comarcal, etc. O peregrino atopará a Fonte Sagrada ao carón da igrexa e onde se di que mollaban a cabeza. Sairemos polo seu casco urbano cara a San Xoan de Padrón, con igrexa e albergue. Despois, e sempre en romance coa estrada, chegamos ata o cemiterio e pasamos por unha área recreativa entre piñeiros, camiño que segue por un quilómetro. Desde aquí e ata Vilardongo o camiño vaise alternando coa estrada. En Montouto empezamos a subir cara a Hospital a donde se chega por un camiño que se empina á dereita da estrada. En Hospital de Montouto únense os dous ramais. Desde aquí o camiño é ancho e cómodo, baixa entre piñeiros, ata que emboca nunha pista. Temos que cruzar esta e meternos, mesmo en fronte, por un estreito carreixo, aparentemente semella que non hai camiño, pero baixa entre toxos, xestas e carqueixas que nos leva mesmo a Paradavella. Nesta aldea atoparemos, ao pé da estrada, un par de bares. |
PARADAVELLA-CASTROVERDE (24 Km)
A partires de Paradavella débese coller un camiño que sube á dereita da estrada para seguir ata A Degolada. Pero ocurre que, por mor dun derrube e de levar anos sen limpar, é imposible pasar, polo que aconsellamos seguir adiante pola estrada como algo máis dun quilómetro, para logo desviarnos á Degolada. Desde aquí o camiño vai polo medio dun bosque autóctono.
En Couto atoparemos un magnífico forno comunal. Desde a A Lastra o camiño volve a empinarse, primeiro suavemente, e sempre bordeado por un bosque. O silencio e a soedade, interrumpidos polo soar do vento, acompáñanos ata o alto da Fontaneira. Ao carón da igrexa de Santiago da Fontaneira había un hospital de pereginos. De novo atopamos a estrada e un bar.
Desde aquí a paisaxe é impresionante. Saímos da Fontaneira polo cemiterio. Despois dun quilómetro pola estrada metémonos nunha larguísima pista forestal e pola que chegamos a un alto desde o que se divisa xa O Cádavo. Un cartel anuncia "albergue a un Km". En O Cádavo, unha vila que medrou modernamente ao carón dun cruce de estradas e é a capital do concello de Baleira, atoparemos todo tipo de servicios, incluído un albergue para peregrinos.
Desde O Cádavo o camiño segue a Vilalle por asfalto, despois ata o alto da Vacariza por un camiño de terra, toca a estrada e métese á dereita. Agora deberemos seguir unha larguísima e solitaria pista entre piñeiros que nos leva ata unha carballeira, onde atoparemos unha capela baixo a advocación da virxe do Carmen.
|
|
Aquí morre a pista forestal e empeza unha asfaltada que nos deixará en Vilabade, onde había un convento franciscano e no que adoitaban a descansar os peregrinos. A súa igrexa é de 1468 e reformada no XVII, ten unha monumental fachada e forma un interesante conxunto co pazo que ten diante. Unha pista asfaltada pronto nos deixa en Santiago de Castroverde, onde sobre os restos dun castro recíbenos a torre do Castelo de Castroverde, erguido no século XIV e que pertenceu a importantes familias nobres galegas. No seu contorno aínda se conserva un rico patrimonio cultural. |
CASTROVERDE-LUGO (20 Km)
Saímos da praza do Concello por un precioso camiño que nos leva a estrada que vén de Lugo, atravesamos esta e metémonos por unha especie de paso subterráneo que nos leva á aldea de Trasorras por unha estrada estreita. Pasando S. Miguel do Camiño atopamos unha profunda corredoira que nos leva ata unha casa solitaria cun gran portalón. Aquí o camiño vai entre prados, cerrados por paredes de pedra, e está moi encharcado. Cruzamos un regato e seguimos entre árbores frondosas ata chegar a unha capela que ten diante un campo cun cruceiro. Xa estamos en Souto de Torres e imos a Moreira, Nadela, onde un cruceiro ao pé do camiño nos recibe no medio da aldea. Logo ven Vilar de Cas e As Cambas. Antes de entrar nesta última poboación o camiño bordea terras de cultivo e na parede que as separa da ruta atopamos algunha cruz empotrada na mesma. En As Cambas o camiño bifúrcase. Nós recomendamos tomar o desvío que vai á dereita e que nos vai levar a Soutomerille. O da esquerda vai directo a Gondar. Soutomerille é unha aldea abandonada en medio dunha frondosa vexetación. Aquí paga a pena deterse un momento no silencio e achegarse a súa igrexa, magnificamente en pé, cun retablo en pedra pintado, laudas sepulcrais e unha marabilla de celosía no testeiro. |
|
Deixando Soutomerille, e a uns 500 m, o camiño vai polo medio dunha canteira ata que dá nunha pista e xúntase outra vez co que deixamos nas Cambas. Agora vai por unha estrada estreita e asfaltada que nos leva a Gondar, despois de cruzar o regato de Rade. A dous quilómetros de Gondar, e no remate dunha costa, atopamos unha canteira, pasamos por diante dela e o camiño deixa a estrada para baixar por un tramo moi pouco coidado. Cruzamos unha pequena estrada e metémonos en paralelo a un regato. Ao lonxe escoitaremos o ruído do trafego da estrada C-630, á que chegaremos despois de pasar Bascuas, camiñaremos en paralelo a ela ata chegar a un cambio de rasante, onde teremos que camiñar pola mesma ata que chegamos a un cruce, a esquerda sinala a Nadela, nós colleremos á dereita por unha estradiña e pasaremos por un campo de festa e, despois, teremos que meternos á esquerda, baixamos ata un regato, camiñamos bordeando leiras e entramos en As Casas da Viña. Viramos á dereita e saíndo desta aldea collemos á esquerda por unha pista que vai por medio das agras e, pronto, entra en montes de piñeiros. É o camiño que nos vai levar ata atravesar a autovía A6. Mais non sempre o camiño está aquí limpo de maleza e verémonos obrigados a buscar alternativas paralelas meténdonos nas fincas que o bordean. Cando nos atopamos de fronte coa A6 teremos que virar á dereita e camiñar un anaco en paralelo á autovía e por un camiño aberto polas obras da mesma e embarrado; cruzamos a autovía por un paso elevado e metémonos nun amplo campo (antigo campo militar). Deixando este atrás xa imos sempre serpenteando por pistas asfaltadas camiño de Santiago de Castelo e do barrio de A Chanca. Cruzamos a ponte da Chanca, para subir por esta rúa, cruzar a estrada e entrar en Lugo pola porta de San Pedro. En Lugo hai agora un albergue de peregrinos dentro do casco vello da cidade. |
LUGO-A PONTEFERREIRA (26 Km)
Saímos de Lugo pola Porta Miñá e baixamos cara a vella ponte que cruza o río Miño. Aquí atoparemos o primeiro marco que nos indica os quilómetros que nos quedan ata Santiago: 101,8. Ao remate da ponte viramos á dereita e iremos pola marxe dereita do río Miño ata San Lázaro da Ponte.
Daquí imos cara a estrada de Santiago a Lugo, cruzamos esta (marco quilométrico 99,404) e seguimos sempre por unha estrada asfaltada e estreita e teremos que cruzar outra que vai a Friol. Pasaremos, sempre por estrada, por S. Xoán de Alto, O Burgo, Poutomillos, deixamos á dereita o cruce que nos levaría a Santa Eulalia de Bóveda, onde se atopa un monumento de orixe romano e función relixiosa con interesantes pinturas, Bacurín, Mera, San Román de Retorta, cunha interesante igrexa románica, Sta. Cruz de Retorta, que forma un interesante conxunto artístico. Logo deixamos a estrada e collemos un camiño á dereita e pasamos por Seixalvos para volver á estrada onde volvemos coller un desvío á esquerda, cruzamos un pequeño regato e subímos cara a Xende.
Cruzamos esta aldea e o camiño pérdese nun prado, temos que seguir dereitos e cruzar o prado, deixando en paralelo á nosa esquerda a parede, e en dirección a un monte de piñeiros que está en fronte e no que entraremos atravesando unha cancela.
|
|
Unha vez aquí viramos á dereita por entre os piñeiros e os toxos e imos sair a unha pista, logo collemos á esquerda e chegamos a un campo de carballos: estamos en O Paraño. Aquí o camiño vai en paralelo a un alto muro de cemento que afea bastante este tramo, ao tempo que en sitios hai moito xurro. Crúzase unha pequena estrada e seguimos por unha corredoira. Aquí o camiño desaparece e hai que meterse á dereita nun prado e tirar cara a aldea que temos diante, saltamos un regato e bordeámolo para entrar en Senande.
Á saída de Senande collemos á esquerda por un camiño e por medio de prados chegamos a A Mámoa, cruzamos a estrada e seguimos por un camiño, entre fieitos e vendo á nosa dereita un impresionante castro, para chegar a A Ponte Ferreira. Aquí desembocamos nunha estrada e collemos á esquerda, estamos xa dentro desta coidada aldea. Xunto ao río atopamos un fermoso recanto onde vemos os restos dunha antiga ponte. Se temos tempo paga a pena subir, pola estrada que vimos de deixar, ata a igrexa de San Martiño de Ferreira cunha interesante porta no lado sur. Nesta aldea hai unha casa de turismo rural. |
A PONTEFERREIRA-MELIDE (22 Km)
En A Ponte Ferreira collemos un camiño, ben arreglado, que nos leva ata unha estrada. Dende aqui imos sempre por esta estreita estrada ata Augas Santas, Merlán, que ten unha pequena pero interesante igrexa.
Despois deixamos a estrada, pasamos algunhas casas abandonadas e imos a As Seixas, onde atopamos unha curiosa fonte no medio do camiño, pero neste último tramo tamén atoparemos varias casas derrubadas, que nos falan do esquecemento que sufren estas aldeas.
Desde aquí sempre por camiño baixamos para pronto subir cara a Casacamiño, pasamos esta e, á esquerda, entramos en monte aberto e outo onde dispomos dunha boa vista. Deseguido dirixímonos cara a Hospital das Seixas, xa nunha das abas da Serra do Careón. Despois seguimos pola estrada ata que baixando xa cara a Toques, metémonos á esquerda por un camiño que nos leva a Santiago de Vilouriz, deixamos a súa igrexa á dereita e imos a Vilamor.
Desde aquí xa iremos por estrada ata atopar o marco que sinala o quilómetro 58,992, Abeancos e xa entramos en Melide, desde donde seguiremos o Camiño Francés para chegar a Santiago. |
|
|