Etapa 4

Camino del Norte 0€ 4788 hits

Descripción

Se pernoctamos no albergue, pola mañanciña será preciso cruzar o extenso casco urbano de Vilalba: primeiro a parte nova, logo o conxunto histórico (rúa Porta de Cima), para sair costa abaixo pola rúa Concepción Arenal diante dun taller de reparación de bicis, da caseta de Protección Civil e ás costas dunha gasolineira.

O percorrido pola chaira segue a resultar feiticeiro. Tal é así á saída de Vilalba, pois a ribeira do Madalena, superado o impacto dunha fábrica na baixada, foi convertida en fermoso parque fluvial con paseos e áreas de lecer na zona do muíño do Rañego, un espacio idóneo para que o peregrino acougue. Debemos ascender logo a costiña de Penascorveiras, por O Couto e O Covo, para continuarmos avanzando entre bosquetes mixtos de piñeiros, bidueiros e carballos ata o lugar de Ponte Rodríguez, con boa ponte de pedra e madeira, restaurada pola escola-obradoiro comarcal, sobre o río Trimaz, que unido ó Madalena forma o Ladra. Unha nova costa entre as casas da aldea de Camiño convértese de contado en ancho carreiro, escoltado por castiñeiros e bidueiros. Á man esquerda deixámo-lo núcleo dos Sabugueiros, atravesando pouco despois os máis poboados de Seara e Gabín, desde donde divisamos ás nosas costas, por última vez, o casarío de Vilalba. A saída deste lugar aparece unha encrucillada múltiple, de ata 6 vía, presidida pola antiga escola unitaria.

Un lixeiro ascenso polo monte da Camposa lévanos ata As Turbelas, onde existe unha cruz de ferro, e logo á N-634 en San Xoán de Alba. Vemos a súa igrexa parroquial, o cemiterio de gabletes neogóticos en molde de cemento e un templete ós caídos 'por Dios y España'. Se ben o cartel sinala a necesidade de cruza-la estrada, máis vale seguir 200 m. pola beiravía da dereita, xa que de novo voltamos a tomar unha pista por esta banda. O Camiño convertese agora nunha liña máis ou menos recta, paralela á estrada, con problemas de empozamento. Prosegue a través das aldeas de Carralmaior, Torre Pedrouzos e Pedrouzos, sendo visible, á outra banda da xeral, a igrexa de Santa María de Torre. Pouco despois cruzámo-la N-634 en Costián (ermida de San Nicolás e gasolineira), pero o camiño volve rápido, con un xiro de 90º, á xeral na Ponte de Saa (¡novo cruzamento!). Vilalba-Baamonde
Deixando atrás as casas, o peregrino chega á ponte medieval de Saa, de aparello louseño, tendida sobre o río Labrada (afluente do Ladra). Veñen despois os lugariños, escasamente arranxados, de Casas Novas e Cardosas, desde donde realizamos un enésimo e perigoso cruce da N-634 para entrarmos no concello de Guitiriz. Unha serie de pistas da parcelaria dirixense a Baamonde a través de Fonte Pequena, Penas, Contariz e Casasnovas. Pasado este último lugar atopámo-la escola, levantada polos indianos, da Pígara, con amplo campo da festa e cruceiro; dista 400 m. da igrexa parroquial de San Pedro de Pigara. De fronte deixamos marcha-la estrada a Casa Muíño, Castiñeira e Lamela, unha boa opción para os ciclistas que queiran entrar en Baamonde sen pisa-la estrada de Oviedo. Os marcos, nembargante, sinalan un novo regreso á N-634 na Pigara. Cruzándoa, tomámo-la pista sinalada a Casanova e Ferreira (capela de San Bieito).

Entre a Ponte Ferreira, inicio do concello de Begonte, e a fin da etapa, a chaira tórnase máis monótona e tristeira no alto da Silvosa, sendo preciso seguir 1 qm. pola N-634, pasando logo á esquerda pola aldea de Rega pouco antes de entrarmos en Baamonde baixo o enlace coa autovía do Noroeste. A localidade compensará con creces a dureza deste último tramo co seu albergue (94 prazas), o mellor do Camiño Norte, e coa súa variada oferta gastronómica rural, sen esquece-la igrexa gótica dedicada a Santiago e mailo castiñeiro tallado no seu adro por Victor Corral, escultor autodidacta que conta cunha curiosa casa-museo preto dela.

Breve resumen

  • Localización: VILALBA - BAAMONDE
  • 0€
  • Tipo: Etapas
  • Ruta: Camino del Norte
  • kilómetros: 19,2 Km
  • Votaciones: