Etapa 5

Camino del Norte 0€ 2280 hits

Descripción

A etapa, moi longa a menos que a partamos para pernoctar en Miraz, que conta cun sinxelo albergue parroquial, obriga ó peregrino a madrugar. Os 3 primeiros quilómetros transcorren pola antiga N-VI (hoxe case sen tráfico), á beira da vía férrea, ata que atopamos á esquerda, pasada a área recreativa da Perdiz, o desvío cara a ermida de San Alberte (de novo no concello de Guitiriz), á que accedemos cruzando a ponte medieval de dous arcos, refeita no século XVIII, sobre o caudaloso río Parga. Tras descansar na súa carballeira, unha senda sobe ó altiño das Amargueiras para nos mergullar nun longo rosario de pequenas aldeas comunicadas por unha maraña de pistas locais, asfaltadas algunhas, de terra outras, con tramos de corredoiras. Xa que logo, a partir de agora recomendamos prestar atención ós sinais.

Polos lugares, de casarío moi disperso, de Rego da Viña, As Penas, Toar, A Fonte, Sobreouteiro e Bandoncel, avanzamos ata o campo da festa de San Breixo de Parga (a igrexa queda 200 m. á dereita) e Caínzos, onde deixamos partir á dereita a estrada de Santo Estevo e maila Pobra de Parga. Seguimos logo por zonas repoboadas con piñeiros e eucaliptos, por camiños de terra que desembocan na valgada do rego Portaxestas; a carón da ponte agrúpanse os núcleos de Ceboleira, Pateira, Digañe e Raposeira, que preceden ó de Eirexe, sé da parroquial de Santa Locaia de Parga (igrexa, campo da festa e antiga escola).

Aquí cómpre tomar á esquerda a estradiña que segue ó sur por Carballedo e entra no concello de Friol, superada a área de lecer da parroquia de Seixón e maila ponte sobre o rego Lavandeira, polos compactos e antigos núcleos rurais de Seixón de Abaixo e Seixón de Arriba. No segundo poñen un selo ós peregrinos na casa do escultor que labrou o curioso cruceiro próximo á igrexa románica de San Paio (a 100 m. do Camiño).

Descendendo á esquerda pola estrada de Parga, retomámo-lo sentido de poñente por Sucampo e, desviandonos de novo a esquerda por A Lagúa (naves en tixolo dunha granxa). Sen máis perda, dirixímonos a Miraz, a donde entramos por unha corredoira baixo carballos a rente do muro que pecha o seu pazo dos Saavedra, con torreón medieval e anexos dezaoitescos. No centro da aldea aparecen a igrexa, o albergue e unha área de lecer con cruceiro. Baamonde-Sobrado dos Monxes
A pouco de sair deste núcleo, e superados os arrabaldes de Outeiro e As Laxes, así como o rego de Anafreita e mailo casal do Ribeiro do Monte, cómpre inicia-lo ascenso polo áspero e pelado monte Vilaldar, que forma parte dos derrames da Cova da Serpe, cadea da Dorsal Galega con teito nos 838 m. O carreiro sobe entre valados, coa rocha nai por firme, entrando nunha zona despoboada, ventosa e de toxeiras, con alagamentos e torrenteiras cando chove. Logo descende ata O Portolamas (rego) e A Devesa, lugares da parroquia de San Pedro de Anafreita. En lugar de afronta-la serra, opta por rodeala cara o sur a través de Carballoso, Mantelle, A Roxica e A Cabana, onde cruzamos un rego. O asfalto desta pista local acompáñanos polos desanxelados casais de A Travesa e A Marcela, sitos na aba do monte da Fonte das Bestas. Pouco despois, desviámonos á dereita pola aldea de Corteporcos, desde donde un carreiro afronta xa o ascenso ós montes do Corno do Boi, prolongación meridional da Cova da Serpe. Entre xestas chegamos por fin o cumio, enlazando coa estrada AC-233, que nos leva ó Marco das Pías. Estamos no teito do Camiño Norte galego, a 710 m., e entramos na provincia da Coruña. Ás nosas costas queda a cobizosa Terra Chá, regada polo Miño e os seus afluentes, e diante a Terra de Melide, coas fontes do Tambre e Mandeo.

Na baixada a Sobrado, os bosquetes autóctonos son engulidos pola cada vez máis abondosa presencia de piñeiros e eucaliptos. A pregiza por procurar alternativas, que existen á esquerda pola ermida de Sta. Comba e Abeledo, obríganos a segui-la estrada AC-233 ata Vilariño e O Mesón. Aquí desviámonos á dereita pola pista que segue por A Esgueva e Moradelo, onde tomamos un atractivo carreiro que baixa encaixado entre arboredo e penedos polas aldeas de A Lagoa e A Nogueira. De volta a estrada en Guitiza, antes de entrar en Sobrado pasamos a carón da lagoa artificial creada polos frades para se fornecer de peixe; hoxe constitúe un espacio natural protexido no que abundan tamén as rás.

Os arrabaldes de A Porcariza e A Carreira xa nos deixan no adro do mosteiro cisterciense de Santa María. No seu claustro de romeiros conta cun albergue de 66 prazas instalado nas antigas cabaleirizas. Os peregrinos son convidados, na moderna capela monástica, a asistiren ás oracións dos monxes.

 

 

Breve resumen

  • Localización: BAAMONDE - SOBRADO DOS MONXES
  • 0€
  • Tipo: Etapas
  • Ruta: Camino del Norte
  • kilómetros: 40 Km
  • Votaciones: